A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, presidiron a inauguración da exposición e entrega de premios do certame “Eu tamén traballo”, organizado co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e que poderá visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura ata o vindeiro 19 de marzo. O acto celebrouse na Casa da Cultura de Lousame e nel tomaron parte máis de medio cento de persoas.
Teresa Villaverde salientou que esta exposición das 35 imaxes participantes no concurso “Eu tamén traballo” é “unha homenaxe ás mulleres que traballan en distintos ámbitos e ás que nos precederon”, agardando que “nos fagan reflexionar sobre o moito que se avanzou e o que aínda nos queda por facer”. Neste sentido, a alcaldesa de Lousame agradeceu a presenza no acto de homes e nenos pois “temos que estar todas unidas, pero tamén necesitamos aos homes, non coma inimigos senón como socios da nosa viaxe”. Villaverde Pais fixo un chamamento á corresponsabilidade na casa: “non hai tarefas dun ou doutro sexo, hai tarefas que se reparten”.