A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir preto dun millón de euros nas obras de mellora do abrigo do peirao de Porto do Son. A titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, visitou na tarde do venres a zona na que se están a executar as obras acompañada polo presidente do ente público, José Juan Durán.
En concreto, a actuación consiste na ampliación do actual dique de abrigo en 30 metros en dirección sur-surleste de xeito que mellore as condicións de seguridade das embarcacións que queden atracadas no interior da dársena. Así mesmo, está xa instalado, como complemento destes traballos, un pantalán de 39 metros para atraques de 30 embarcacións de 7ª lista na dársena interior do porto.
O proxecto inclúe tamén obras complementarias do dique como son a canalizacion de alumeado, a instalación dunha varanda de aceiro e escaleiras no morro do dique, e barreiras antiturbidez durante a execución das obras.
Esta actuación conta cun prazo de execución de 10 meses e o investimento, de case 1 millón de euros, provén dunha partida de Fondos Europeos Feder que únicamente pode destinarse a instalacións de náutica recreativa.