O Concello de Lousame conmemorará o Día de Rosalía con dous actos abertos a toda a veciñanza e que terán lugar este venres e sábado na Casa da Cultura de Portobravo. En ambos casos, a asistencia é totalmente libre e de balde.
https://www.youtube.com/watch?v=Fcrwzelqks8
Mañá venres 23 de febreiro, ás 20:30 horas, a asociación cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Concello de Lousame organizan un acto cultural no que terá lugar a presentación do libro “De María Vinyals a María de Lluria”, de Aurora Marco, e do número 132 do suplemento cultural “A Voz de Barbantia”.
Un acto que contará coa participación de Aurora Marco; da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; do coordinador de Barbantia, Pastor Rodríguez; e da socia de Barbantia Patricia Torrado. Durante este acto haberá unha lectura de poemas de Rosalía de Castro, así como unha actuación musical a cargo do alumnado da Escola de Música de Lousame.
Un día despois, o sábado 24 de febreiro, ás 12:00 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá o espectáculo “A viaxe de Rosalía”, unha produción de 45 minutos que combina monicreques de mesa e música e que está inspirado na figura de gran poetisa galega. A maiores, colocaranse vinilos cos poemas “Negra sombra” e “Airiños, ariños, aires” nas paredes da Casa do Concello, emulando a iniciativa levada a cabo o ano pasado con “Campanas de Bastavales” no interior da Casa da Cultura.