O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participaron esta mañá no aeródromo de Rozas na presentación das novas licitacións do programa de Solucións deste polo tecnolóxico e industrial.
Durante o acto, Conde avanzou que en 2020 estarán executados os 150 millóns de euros que xa están programados.
Así, aos 10 millóns de euros da posta en marcha do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR); e do investimento conxunto de 115 millóns nun programa de I+D da man de Indra e Babcok en colaboración coa Xunta, súmanse os 24 millóns de euros de compra pública innovadora deste programa de Solucións.
Con estas dúas novas licitacións -que se suman ás oito anteriormente publicadas- a Xunta completa as dez contratacións inicialmente previstas e que se centran no desenvolvemento de solucións en catro áreas: forestal, medio rural, mar e sistemas aéreos.Tal e como explicou Conde, o mércores, 21 de febreiro, publicaranse as dúas novas licitacións por un importe de 7,2 millóns de euros centradas na seguridade aérea e na xestión forestal.