O Consello da Xunta de Galicia aprobou outra das medidas que se comprometera a poñer en marcha no pleno sobre impulso democrático: a Lei de Transparencia e Bo Goberno. Dentro do prazo de cincuenta días que se marcara en sé parlamentaria, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que se pon en marcha un proxecto de lei que sitúa Galicia “á cabeza das Administracións públicas máis transparentes do país”.
A lei supón a cuarta das cinco que se comprometeran no pleno de impulso democrático e a terceira e última das que asumira promover o Goberno, despois da Lei de Asistencia Xurídica e a de Financiamento de Partidos Políticos. Feijóo avanzou os catro eixos fundamentais nos que se estrutura a lei: proporcionar máis información dispoñible e accesible a tódolos cidadáns, incrementar o control público das contas autonómicas, establecer un réxime de incompatibilidades máis claro e con máis esixencias para os altos cargos e endurecer a regulación sobre os traspasos de poderes e os labores do Goberno en funcións “para que quede claro que un goberno, despois de celebradas unhas eleccións, non pode seguir actuando como se estivese ao principio da súa lexislatura”, segundo aseverou o presidente.
https://youtu.be/M96_3ctNZwk