O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a nova Lei de implantación empresarial contribuirá a fomentar un sector eólico eficiente, sustentable e competitivo.
“Estamos convencidos de que esta lei abre un novo escenario para o sector e que vai supoñer un antes e un despois para todos aqueles que queiran investir en Galicia, no sector das renovables pero tamén noutros sectores puxantes da nosa economía”, asegurou.
Durante unha visita ás instalacións do parque eólico de Malpica, Feijóo explicou que no marco deste novo texto se establece, por vez primeira, unha figura para diferenciar aqueles proxectos industriais que se consideran de especial interese para a Comunidade. Proxectos que van dispoñer da máxima axilidade administrativa na tramitación, sen perder, por suposto, as máximas garantías xurídicas, técnicas e ambientais.Logo de precisar que a declaración de especial interese implica que se poidan executar en Galicia proxectos de enerxía renovables no marco das poxas celebradas recentemente polo Ministerio de Enerxía, Feijóo salientou que con estas 18 novas instalacións (en total 409 MW), se prevén superar os 6.000 empregos na súa construción.