Un total de 78 empresas presentaron as súas candidaturas ao II Premio provincial á mellor iniciativa empresarial, que convoca a Deputación da Coruña dentro do seu Plan de Emprego Local (PEL).
A segunda edición do premio conta con tres categorías, dotadas con 25.000 euros cada unha. O galardón para a Mellor Iniciativa Empresarial Nova está dirixida a proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade, mentres que Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada destínase a aquelas empresas que conten con máis de cinco anos de actividade. Como novidade principal nesta edición, convocouse unha terceira categoría que premiará ás iniciativas empresariais socialmente responsables que contribúan ao crecemento sostible da provincia nos ámbitos económico, medioambiental e social. En total, a Deputación repartirá 75.000 euros en premios, co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e emprendedores comprometidos co desenvolvemento económico da provincia.
A participación no certame supera á do ano pasado, cando se presentaron 70 candidaturas, entre as que resultaron gañadoras a pontesa EVASA e a start-up compostelá E-monte.
Os ámbitos de actividade das empresas son moi variados, destacando ás dedicadas ás novas tecnoloxías da información e a programación informático, así como as empresas de servizos de enxeñaría e consultoría, comercio online e desenvolvemento de aplicacións. Tamén concorren a este segundo premio empresas dos sectores da alimentación, hostalería, cosmética e estética, educación, turismo e actividades de servizos sociais.
As empresas gañadoras daranse a coñecer o vindeiro mes de marzo