O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou hoxe a nova programación da Rede Galega de Música ao Vivo, que se inicia en 2018 tras un proceso de renovación consensuado coas principais asociacións do sector.
Nesta nova etapa, a Xunta busca impulsar este circuíto, que xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), comezando por aumentar o seu investimento anual ata os 185.000 euros, un 105% máis que en 2017. Segundo explicou o conselleiro, esta cifra supón, ademais, o 85% do orzamento para a contratación dos grupos que actúen este ano na Rede Galega de Música ao Vivo, xa que o 15% restante correspóndelle ás 23 salas seleccionadas tras a convocatoria pública de admisión que se resolveu a finais do ano pasado. Neste primeiro semestre de 2018, serán 48 as bandas protagonistas dos 145 concertos programados, 10 dos cales terán como esceario a pousada das ánimas de Boiro.
O titular de Cultura amosou a súa satisfacción polo debate aberto coas devanditas asociacións, que se traduciu nunha serie de “cambios consensuados” que reforzan os estándares de profesionalidade do circuíto, con máis de 10 anos de actividade ininterrompida. Entre eles, dedicalo exclusivamente á música , mellorar as condicións económicas na contratación artística, aumentar a circulación dos grupos polas diferentes salas e fixar uns baremos de calidade na selección dos espazos.