A Deputación da Coruña porá en marcha nas próximas semanas unha nova iniciativa destinada á promoción do seu Patrimonio, esta vez cos máis novos como protagonistas. Con este obxectivo o presidente provincial, Diego Calvo, presentou esta mañá o proxecto Turismo Escolar, dirixido a nenos e nenas de Infantil e Primaria da provincia, acompañado polo vicepresidente e responsable da área de Promoción Económica, Medio Ambiente e Turismo, Antonio Cañás.
Así, os directores dos centros educativos recibirán nos próximos días unha carta con información sobre o proxecto, que busca promover as visitas dos nenos e neas aos edificios e monumentos propiedade da Deputación para así “completar con práctica a teoría que estudan nos colexios”.
As instalacións e edificacións singulares que forman parte do patrimonio da institución provincial están xa abertas ao público e tamén aos colexios, que poden solicitar visitas organizadas. A partir de agora, ademais, poderán pedir a súa inclusión nalgunha das tres rutas temáticas que ten deseñado a institución provincial.
Segundo explicou Diego Calvo, esta iniciativa forma parte da “responsabilidade” que debe asumir a Deputación de “coidar, manter e tamén ensinar e promover un patrimonio rico e diverso como poucos”.
Para motivar aos nenos e darlle un pulo especial a esta nova iniciativa, o presidente tamén anunciou a próxima convocatoria dun concurso entre todos os participantes, que deberán realizar un debuxo ou unha redacción sobre a visita. A Deputación, que publicará as bases deste premio no Boletín Oficial da Provincia, premiará os mellores traballos presentados en dúas categorías diferentes: de 4 a 8 anos e de 9 a 12 anos.
http://youtu.be/jm-L_IHbn5o