Feijóo avanza que a finais desta lexislatura os galegos terán á súa disposición 20 novas infraestruturas sanitarias
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso do Goberno galego coa modernización dos equipamentos de atención primaria e, neste sentido avanzou que a finais desta lexislatura os galegos terán á súa disposición 20 novas infraestruturas sanitarias como: un novo centro de saúde na Coruña, outro en Vigo, Lugo, Moaña e Cangas, así como a construción dos novos centros de saúde e PAC da Estrada e do Milladoiro (Ames).
Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico subliñou que esta aposta polas infraestruturas e a modernización do sistema sanitario fai posible que a espera media en Galicia pasase dos 67 días aos 62; que na prioridade 1 para patoloxías urxentes a espera pasase dos 38 días aos 15 días; que se realicen 19.000 intervencións cirúrxicas máis cada ano e 400.000 consultas máis; ou que, no eido das consultas hospitalarias, un galego espere 20 días menos que a media e en intervención cirúrxicas, 42 días menos.