O Plan de banda larga da Xunta chegará este ano a 4 novas superficies empresariais, acadando así un total de 26 polígonos conectados a redes ultrarrápidas na provincia. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en A Coruña, Ovidio Rodeiro.
As actuacións do plan comezaron en agosto 2016 e ao remate de 2017 había xa 22 polígonos da provincia con este servizo de banda larga ultrarrápida, entre eles, os de Rianxo, a Pobra, e Noia. Ao remate de 2018 cumprirase o obxectivo dos 26 previstos no plan, que sumados aos que xa dispoñían deste servizo, suporá que o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps.