O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe en Fitur 2018 que Galicia prepara xa o Xacobeo 2021 co obxectivo de convertelo no mellor ano santo da historia cunha oferta única en paisaxes, patrimonio e lecer.
Así, aseverou que a Comunidade seguirá apostando por un turismo respectuoso e de calidade, que permita preservar o patrimonio e ofrecer a mellor atención ao visitante escorrentando a pantasma da turismofobia; por un turismo que non estea concentrado só en certas zonas e en certos momentos do ano; e por un turismo moderno e de experiencias, que axude ao visitante a descubrir o mellor da xeografía galega, impulsando produtos turísticos como Galicia surfing, un paquete de rutas polos mellores miradoiros de Galicia ou a Ruta dos Faros.