O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe no Porriño as oportunidades que o desenvolvemento en Galicia de vehículos non tripulados abre ás pemes galegas para diversificar a súa actividade e ser máis competitivas, durante a visita que realizou á microempresa Soldatec, contratada por Babcock para a fabricación de dous helicópteros non tripulados.
Conde destacou que Soldatec é unha das 18 pemes e centros tecnolóxicos que está a traballar no polo tecnolóxico e industrial de Rozas, grazas a aposta da empresa pola diversificación e pola alta tecnoloxía. Apuntou, ademais, que a participación desta microempresa neste proxecto permitiulle triplicar o seu cadro de persoal. Explicou, así mesmo, que os traballos dos prototipos Lúa e Lumes avanzan a bo ritmo e xa están en fase de probas, polo que tras a súa acreditación e posterior certificación poderán posicionarse no mercado. O conselleiro salientou o potencial da industria aeronáutica e insistiu no importante papel de Rozas dinamizando non só este sector, senón tamén sectores tradicionais que apostan pola innovación.