https://www.youtube.com/watch?v=Zg1fiyALMzE
A Consellería do Mar pon a disposición dos profesionais do mar máis de 850.000 euros coa finalidade de mellorar as súas condicións de traballo e a súa seguridade. Así o trasladou a conselleira do Mar, Rosa Quintana durante unha visita á nova instalación frigorífica da lonxa de Meira, en Moaña, onde estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.
Alí, a conselleira lembrou que o seu departamento vén de convocar a orde de axudas para levar a cabo proxectos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lugares de desembarque e das lonxas que melloren as condicións de traballo e a seguridade das persoas. Rosa Quintana adiantou que as confrarías de Galicia teñen o prazo dun mes para solicitar as subvencións ante a consellería para acometer aquelas melloras que desexen. Nesta liña, Rosa Quintana destacou que precisamente a instalación frigorífica de Meira, na que se investiron case 150.000 euros, foi unha construción acometida ao abeiro destas axudas en anos anteriores, trátase de unha instalación frigorífica de 113m² composta por unha cámara de conservación, unha de conxelación e outra de conservación de decomisos. Ademais dotouse cun equipo produtor de xeo triturado con capacidade para producir 1,2 toneladas por día e cun silo de almacenamento e conservación do xeo.