Feijóo destaca que o bosque de galicia, formado por árbores autóctonas, está destinado a ser o grande pulmón verde da capital galega

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Bosque de Galicia, formado por árbores autóctonas, está destinado a ser o grande pulmón verde da capital galega; un bosque que, segundo aseverou, osixenará Santiago, servirá como porta de entrada á Cidade da Cultura.

Feijóo, que hoxe visitou os traballos de plantación, afirmou que as preto de 5.000 árbores plantadas ata o de agora forman parte das 6.000 que se plantarán ata o mes de abril e que conformarán, xunto as que xa había na zona, este bosque formado por un total de 24 hectáreas.

Ademais de mellorar a calidade de vida dos composteláns e reforzar o atractivo da cidade ante os visitantes, o responsable do Goberno galego fixo fincapé en que este bosque funcionará como unha alfombra verde que guiará os visitantes ata a Cidade da Cultura, conseguindo que esta quede aínda máis integrada en Santiago de Compostela.

Feijóo salientou que este proxecto favorecerá a biodiversidade e o metabolismo da capital de Galicia e avanzou que, logo desta primeira fase, iniciarase unha segunda na que se construirá unha escaleira para acceder a pé ao monte Gaiás desde o Sar e farase noutra ladeira unha zona de cultivo.

http://youtu.be/LrqjMRvXNtw

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.