O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o binomio emprego-formación como factor clave para afrontar os retos da Industria 4.0.
Durante unha visita á empresa de compoñentes aeronáuticos Coasa, afirmou que na formación está a clave para que as empresas poidan preparar os seus traballadores no manexo de novas ferramentas dixitais; para que a introdución de novas tecnoloxías non supoña unha fenda xeracional e favoreza a reciclaxe; e para que a demanda de perfís profesionais que vai marcando o tecido empresarial teña a súa correspondencia desde o ámbito académico.
Con este fin, Feijóo lembrou que o pasado mes de decembro o Goberno galego aprobou unha nova convocatoria dun programa pioneiro para crear unidades formativas nas empresas. Unha iniciativa que, dotada con 6,5 millóns de euros, permitirá mellorar a cualificación de 2.100 persoas desempregadas ou ocupadas, que poderán participar nos diversos cursos de formación especializada que se ofertarán en máis de 500 empresas galegas. Precisamente Coasa foi unha das empresas onde se impartiu o pasado ano unha destas unidades formativas na que participaron 12 persoas, das que 7 foron contratadas.