O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que as obras de ampliación do Hospital Público de Ourense, dotarán este centro dun 15% máis de camas e o converterán en “centro de demostración do hospital do futuro”.
Logo de avanzar que esta ampliación será unha realidade no segundo semestre de 2016, o responsable do Goberno galego subliñou que detrás desta obra hai un investimento de 41 millóns e un compromiso de mellor servizo, que se está a cumprir xa desde a primeira fase que afecta o bloque de hospitalización e que permitirá: concentrar todas as unidades nun único edificio fronte aos tres actuais, ben comunicado coas áreas de urxencias, consultas, probas diagnósticas e quirófanos; incrementar o número de camas nun 15% e lograr que o 60% das novas habitacións sexan individuais.
Durante a súa intervención, Feijóo incidiu tamén no compromiso de converter Ourense no centro de demostración do hospital do futuro, comezando desde aquí a maioría dos proxectos que se desenvolverán ao abeiro do Hospital 2050 e do Innova Saúde.
http://youtu.be/VY76LW0kCLI