Xunta de Galicia

Feijóo anima ao sector lácteo a seguir creando valor engadido e a incrementar a facturación dun sector que en 2017 superou os 775 millóns

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe ao sector lácteo a seguir apostando por crear valor engadido e continuar así incrementando a facturación dun sector que en 2017 superou os 775 millóns de euros, un 9% máis que no ano anterior.
Durante unha visita esta mañá á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña S.C.G., onde asistiu á presentación da Granxa A Esperanza en San Sadurniño, Feijóo incidiu na necesidade de seguir diversificando o sector e desenvolvendo novos produtos, que permitan responder á evolución do mercado lácteo e satisfacer as novas demandas dos consumidores.
Nesta liña, destacou o traballo dos gandeiros das 41 cooperativas que forman Cooperativa Agraria Provincial da Coruña S.C.G. e que, lonxe de conformarse con seguir producindo e envasando leite, decidiron, a través da innovación –con novas técnicas de produción- e da formación, explorar novas vías de negocio como a cadea Bico de Xeado.
Se ben aseverou que os prezos do leite aínda non son os desexados, o titular da Xunta resaltou que en 2017 os prezos seguiron recuperándose, chegando a unha media de 32 céntimos por litro de leite, un 7,74% máis que ao inicio da lexislatura e un 11,5% máis que hai dous anos. E lembrou, ademais, que a produción de leite creceu o ano pasado un 5,67%, consolidándose a Comunidade galega como o primeiro produtor a nivel español.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.