Ribeira

Arranca a segunda fase das obras de pavimentación en tres tramos de Rosalía de Castro, Rúa Galicia e Cristóbal Colón

Tal e como estaba previsto, a primeira hora da mañá quedou cortado ao tráfico o acceso a Rosalía de Castro dende o Malecón para activar a segunda fase das obras de peonalización.

Operarios da empresa adxudicataria, Nemesio Ordóñez, S.A., acometeron os traballos previos á pavimentación, que se van focalizar nos próximos días no tramo de Cristóbal Colón comprendido entre a igrexa de Santa Uxía e o cruce de rúa Lugo.

No tocante ao tráfico rodado, non hai variacións respecto aos cambios xa efectuados no mes de novembro, consistentes na inversión do sentido da circulación nas rúas Mariño de Rivera e Lugo e na travesía Canarias. Por outra parte, non se rexistraron incidencias reseñables no comportamento do tráfico.

Cómpre lembrar que esta actuación foi adxudicada á empresa Nemesio Ordóñez S.A., por un importe de 119.472,63 euros, IVE incluído. Está incluída no POS+ 2017 da Deputación e consiste na creación dunha plataforma única en todo o ancho dos tramos afectados, pertencentes ás rúas Rosalía de Castro, Galicia e Cristóbal Colón. Como materiais empregaranse formigón pulido, lousas de granito e adoquín de granito dependendo do entorno.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.