Galicia

A Deputación destina 8,3 millóns de euros para contratar técnicos deportivos e de normalización lingüística e manter os servizos sociais comunitarios nos concellos

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a convocatoria de tres programas de subvencións dirixidos a concellos e entidades locais da provincia para a contratación de persoal técnico e o mantemento de servizos municipais. A Deputación da Coruña destina un total de 8.381.085 euros a estas axudas, que poderán solicitarse a partir de mañá, 5 de xaneiro. Tanto as solicitudes coma o resto da tramitación deberá realizarse por vía telemática, a través da plataforma SUBTEL, accesible na sede electrónica da Deputación sede.dacoruna.gal.
A primeira destas convocatorias corresponde ao programa de financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais durante o ano 2018 e permanecerá aberta ata o día 9 de febreiro ás 14.00 horas.
A Deputación distribuirá 6,9 millóns de euros entre os concellos, mancomunidades, agrupacións, fusións e outras corporacións locais de menos de 20.000 habitantes. Este orzamento incrementouse en 3,1 millóns respecto ao ano 2017, e é notablemente superior ao das convocatorias anteriores, respondendo ao obxectivo da institución provincial de achegar recursos aos concellos para cumprir as súas competencias na materia e ofrecer un servizo axeitado para o crecente número de persoas usuarias.
A través deste programa, subvenciónanse os gastos dos profesionais dos servizos sociais comunitarios municipais entre os que se inclúen persoal técnico ou persoal do servizo de axuda no fogar. Os concellos que non dispoñan deste persoal poderán incluílo na solicitude de axuda.
Por outra banda, a Deputación convoca axudas dirixidas a todos os concellos e entidades locais da provincia, para a contratación de persoal técnico deportivo durante o ano 2018. O obxectivo que se persegue, ademais de crear postos de traballo, é garantir o desenvolvemento de programacións deportivas estables e homoxéneas en toda a provincia.
Neste caso, o orzamento ascende a 980.000 euros e se subvencionarán as nóminas, a seguridade social e os contratos de servizos. O prazo para a presentación de solicitudes rematará ás 14.00 horas do día 15 de febreiro.
Asemade, a Deputación da Coruña destina 480.000 euros para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2018. O prazo para solicitar estas axudas rematará o vindeiro 19 de xaneiro, ás 14.00 horas.

As subvencións están dirixidas a concellos, agrupacións, mancomunidades e outras entidades locais da provincia, co obxectivo de fomentar o uso e coñecemento da lingua galega en todos os ámbitos e sectores municipais

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.