Ribeira

O concello de Riveira aproba unha actuación dixirida a eliminar vertidos de augas residuais á praia dos Mosqueiros

Unha das últimas actuacións aprobadas en xunta de goberno polo Concello de Riveira é a que está destinada á instalación dunha rede de saneamento con pozo de bombeo no lugar dos Mosqueiros en Castiñeiras.

O orzamento consignado para realizar esta obra é de 53.094,55 euros e o prazo de execución de tres meses. Nas próximas semanas será sacada a licitación.

O obxecto deste proxecto é eliminar diversos vertidos de augas residuais que van directamente á praia dos Mosqueiros, dado que a zona en cuestión carece de rede de saneamento.

A tal efecto, instalarase unha rede formada por 175 metros de lonxitude de tubaxe de 315 milímetros de diámetro, 35 metros de tubaxe de 250 milímetros de diámetro e 9 pozos de rexistro. A través destes colectores se conducirán as augas residuais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, no que se implantará un bombeo con dúas bombas mergulladas fixas de caudal unitario 3 m3/h.

De aquí as augas impulsaranse a través dunha tubaxe de polietileno de alta densidade de 35 metros de lonxitude e 63 milímetros de diámetro ata a súa conexión coa rede xeral na estrada DP-7307.

Todas as canalizacións irán soterradas en zanxa e os pavimentos serán repostos, ben con formigón ou ben aglomerado asfáltico dependendo da zona.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.