O Goberno galego abre mañá o prazo de solicitude das axudas á contratación de persoas en risco de exclusión social en empresas de inserción laboral, tras a publicación das bases hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Para iso, dedicará preto de 400.000 euros cos que prevé a contratación de 56 desempregados a través de 11 compañías.
Os interesados nesta actuación, que continúa a liña fixada en 2017 cando se introduciron novidades no programa atendendo as principais demandas do sector, poderán presentar as súas solicitudes desde mañá, mércores 3 de xaneiro, ata o 15 de outubro de 2018. Nesta nova edición volverase a ampliar a duración máxima dos contratos de inserción, ata tres anos; o custe das axudas á asistencia técnica (realización de auditorías contables, sociais ou certificacións de calidade) será do 80%; apoiarase outra vez a formación de persoas en proceso de inserción cun máximo de ata 3000 euros; e financiarase ao 100% o custo dos gastos de inicio e posta en marcha da actividade ata o límite máximo de 12.000 euros por empresa de inserción laboral.