O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, acompañado dos viceportavoces Miguel Tellado e Paula Prado, presentou esta mañá un balance da actividade parlamentaria neste primeiro ano de lexislatura, período no que se celebraron 394 reunións de órganos da Cámara galega.
Puy destacou a aprobación de 11 textos lexislativos, así como que o 80 por cento das cuestións debatidas en Pleno foron a iniciativa da oposición. Pedro Puy concretou que das 11 leis aprobadas neste primeiro ano da X Lexislatura, 8 eran proxectos de Lei remitidos polo Goberno galego, dos que 5 estaban relacionados con trámites orzamentarios e os outros tres foron o de protección e benestar dos animais de compañía, o de portos e o de espectáculos públicos e actividades recreativas. Así mesmo, aprobáronse dúas proposicións non de lei dos grupos parlamentarios (a solicitude de transferencia da AP-9 a Galicia e a de fomento da implantación de iniciativas empresariais), así como unha iniciativa lexislativa popular .