O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañado do secretario xeral técnico, Jesús Oitavén e da directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Ínsua, veñen de presentar esta mañá nun acto informativo a incoación como ben de interese cultural (BIC) coa categoría de Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra, constituíndo o primeiro paso para o recoñecemento do valor cultural sobranceiro deste territorio. Trátase dun paso previo imprescindible para optar á súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.
O titular de Cultura lembrou que, aínda que dependerá do número final de alegacións que haxa que resolver, o Goberno galego márcase a data de finais de 2018 como meta para a declaración, o que suporá acurtar un ano o prazo máximo para resolver o expediente.
En concreto, na resolución dada hoxe ao prelo explícase que a Ribeira Sacra resulta un exemplo excepcional e sobranceiro, e que, co fin de protexer os seus valores patrimoniais, procédese ao seu recoñecemento como BIC, coa categoría de Paisaxe Cultural. Así mesmo, este recoñecemento esténdese a outros bens e manifestacións que complementan o seu sentido e valor cultural, así como á zona de amortecemento como medida de reforzo das condicións para a súa salvagarda.




