Dentro do impulso ás medidas que melloren a prestación dos servizos de transporte público, a Xunta pon en marcha a partir de mañá, coincidindo co inicio das vacacións escolares de Nadal, o sistema piloto de Transporte á Demanda, unha medida que permitirá levar o servizo público de transporte a máis localidades e poboacións e, ao tempo, garantir a súa propia eficiencia e o aforro enerxético, pois o autobús ou o microbús só viaxará se hai xente que solicitara previamente o servizo.
Na comarca do Barbanza, o servizo prestarase en oito liñas que dan cobertura aos concellos de Boiro (2), Lousame (4) e Noia (2). Habilítanse en total 24 paradas funcionais, que coinciden, agás unha, coas físicas que durante o curso utilizan os buses compartidos.