A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), vén de poñer en marcha unha nova campaña sobre a prevención de riscos no manexo do tractor que se achegará a 119 concellos do rural galego.
Así o destacou hoxe a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, quen, acompañada pola directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, participou na presentación desta iniciativa, que xira en torno a dous eixos principais: alertar e concienciar dos ricos do manexo do tractor e dos seus apeiros, informando das causas máis recorrentes dos sinistros e achegar as recomendacións básicas que poden evitar accidentes ou, polo menos, minimizar as súas consecuencias.
A través desta campaña, o Goberno galego repartirá 10.000 trípticos e 3.000 carteis que recollen información técnica en catro ámbitos, que son os que se consideran máis relevantes na prevención de riscos neste ámbito: a seguridade viaria, a protección da toma de forza e do eixe cardánico, a protección do tractor fronte a envorcaduras e as medidas a tomar en caso de que se produza este feito.
Toca lembrou a importancia de concienciar aos traballadores sobre a prevención de riscos no manexo do tractor e tamén á poboación non traballadora, xa que, segundo apuntou, a maior parte dos sinistros ocorridos neste ámbito non son laborais. A gran maioría destes sinistros, en palabras da secretaria xeral, prodúcense entre persoas maiores de 65 anos, sendo as principais causas as envorcaduras, atrapamentos e accidentes de circulación.
Deste modo, os destinatarios principais da campaña é a poboación do rural que manexa o tractor no traballo ou no seu ámbito familiar con especial incidencia entre os máis novos para que incorporen o valor da anticipación ao risco como xeito de evitar perigos.
O obxectivo da actuación é, polo tanto, concienciar e reducir a sinistralidade neste sector, especialmente no eido rural, sensibilizando á poboación para que incorpore nas súas tarefas cotiá a prevención de riscos para evitar accidentes na súa contorna e na circulación en vías públicas.