O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe no Parlamento que todos os afectados pola hepatite C terán tratamento de acordo aos criterios médicos.
Nesta liña, Feijóo salientou que en Galicia estanse a tratar aproximadamente mil persoas cos fármacos que sinala a comunidade científica.
En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara galega, o responsable autonómico asegurou que Galicia adoptará todas as decisións do plan nacional e actuará de forma inmediata de acordo aos criterios que se asentan para toda España.
Sobre este punto, Feijóo fixo fincapé en que en 2012 o Sergas creou unha subcomisión de farmacia para a hepatite C formada por un grupo de expertos.
Durante a súa intervención, Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego cos servizos públicos e, neste eido, avanzou que neste 2015 haberá 2.000 novas prestacións de axuda a domicilio e un incremento do 45% dos obradoiros de emprego.
No eido da Xustiza, lembrou a posta en marcha do novo edificio xudicial de Ourense, que supuxo un investimento de 18 millóns de euros e que conta con máis de 14.000 metros cadrados distribuídos en nove plantas. Ten capacidade para 24 xulgados e 16 salas de vistas, con espazos para os servizos de rexistro civil, Imelga, oficina de atención ao cidadán e á vítima, colexios profesionais, servizos de notificacións e embargos, etc. e dará servizo a máis de 200 profesionais.