O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apostou hoxe por que o modelo da Galicia que está medrando por riba da media española e duplica o crecemento dos países do euro se vexa recoñecido e non penalizado no futuro sistema de financiamento das comunidades autónomas
Durante a presentación da secretaria de Estado de Economía y Apoyo a la Empresa, Irene Garrido, no almorzo de Nueva Economía Fórum, Feijóo aseverou que esa excelente reputación que ten a Comunidade galega non é casual, senón produto do esforzo conxunto de traballadores, emprendedores, profesionais, académicos, investigadores e administracións. “Todos a unha nunha tarefa conxunta na que hai poucas disonancias”, asegurou, afirmando que Galicia é unha moderna Fuenteovejuna do progreso. Así mesmo, incidiu na importancia de políticas serias feitas por políticos serios, que non confundan a xestión con meros xestos teatrais que impiden aceptar a realidade, ser flexible e buscar acordos necesarios, porque “a arrogancia de quen cre sabelo todo e antepón os seus dogmas á realidade, non soamente leva ao fracaso político, senón que tamén condena a pobos enteiros a situacións dramáticas”, dixo, en alusión a Cataluña.