Descontento entre os praceiros de Ribeira ante a distribución do futuro mercado municipal. O compromiso de agrupar tódolos puntos de venda na planta baixa traduciuse nunha falta de espazo que reducirá considerablemente o tamaño dos mostradores, condicionando a súa operatividade.
A semana pasada e tras manter unha xuntanza cos praceiros de Ribeira, o BNG recolleu as súas principais demandas sobre o futuro mercado. Demandas que os nacionalistas veñen de plasmar nunha moción que levarán ó pleno deste mes na que solicitan unha serie de melloras no inmoble, aínda en fase de execución.
O principal problema refírese ó espazo dos postos de venda, de tan só un metro, que apenas deixará marxe de manobra ós traballadores. Tamén lles preocupa ós comerciantes a implantación dun supermercado no segundo andar, ó consideralo unha grave competencia. Neste punto, o BNG insta ó goberno a que se prohiba nesta superficie a venda dos mesmos produtos frescos que comercializan os praceiros.
Segundo os nacionalistas, as carencias que presenta xa este edificio, aínda sen estrear, son produto da falla de participación coa que o goberno promove os proxectos, sen buscar consenso cos principais afectados que serán os usuarios do mercado municipal.