O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, está «convencido» de que a arte do xeito quedará finalmente excluído da proposta para prohibir redes de enmalle á deriva na UE que puxo sobre a mesa do Parlamento Europeo a excomisaria de Pesca Maria Damanaki. Así o manifestou onte o líder dos populares galegos, despois de reunirse por primeira vez en Bruxelas co novo mandatario de Pesca, Karmenu Vella, quen xa avanzara hai máis dunha semana ante a Eurocámara que non pretendía privar aos centenares de pescadores galegos que utilizan o xeito do seu principal sustento económico.
As primeiras sensacións foron boas. Constatouse o afán colaborador do maltés: «Falamos das artes de pesca e imos co optimismo de que o comisario coñece perfectamente esa arte de pesca galega que é o xeito», asegurou Feijoo. E é que Vella asistiu nos primeiros meses que leva no cargo a numerosas mobilizacións do sector, que elevou as súas queixas ata o Parlamento Europeo, solicitando o apoio da inmensa maioría da Comisión de Pesca.
O prazo de consultas públicas, aberto a particulares, asociacións e organismos públicos, abriuse de marzo a setembro do 2013, pero Bruxelas non recibiu os primeiros informes técnicos e científicos ata xullo do 2014. A pesar diso, Feijoo asegurou que eses estudos foron «clave» para virar a posición de Karmenu Vella en torno ao tradicional arte de pesca.
O Presidente Da Xunta Acudiu A Bruxelas Para Por Solución Á Problemática Do Xeito
Please login to join discussion