Mar Destina 10,3 Millóns De Euros Ás Axudas Á Paralización Definitiva Dos Buques Pesqueiros Para 2015

A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 10,3 millóns de euros ás axudas para a paralización de buques na convocatoria de 2015. Desa cantidade, 8,3 millóns de euros son para as de paralización definitiva dos buques pesqueiros incluídos nun plan de axuste de esforzo pesqueiro. O resto son para a convocatoria específica de paralización de buques pesqueiros afectados polo Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe ambas ordes de axudas.

O obxecto destas achegas é axeitar a capacidade pesqueira da frota coa dispoñibilidade dos recursos mariños, mediante a redución do esforzo pesqueiro. Con estas convocatorias búscase lograr un equilibrio sustentable que asegure que a pesca siga a ser unha actividade de desenvolvemento económico para a nosa Comunidade. O importe destas axudas está cofinanciado polo Fondo Europeo da Pesca nun 75%

Poderán optar a elas os propietarios de buques pesqueiros da terceira lista do Rexistro de Matrícula de Buques que estean dados de alta no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma e no Censo da Flota Pesqueira Operativa que estean incluídas nun plan de axuste do esforzo pesqueiro. No caso das axudas para os barcos de baixura a poderán optar a elas as embarcacións que estean incluídas no plan de axuste do esforzo pesqueiro do cantábrico-noroeste

Ademais, para ambas convocatorias, o buque deberá ter unha actividade pesqueira mínima de 90 días de pesca en cada un dos dous períodos de doce meses anteriores á data de solicitude de paralización definitiva ou 120 días de pesca nos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude. A embarcación para a que se solicita a subvención debe ter unha antigüidade mínima de 10 anos e ter o seu porto base en Galicia.

Os interesados en solicitar estas achegas poderán consultar os requisitos e documentación necesaria no DOG de hoxe. Para esta convocatoria, o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado dende mañá. Poderán presentarse por vía electrónica na Sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es ou tamén en papel.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.