O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que establece as bases reguladoras e a convocatoria de 2015 das axudas aos investimentos a bordo de buques pesqueiros, selectividade e rendemento enerxético. A estas axudas, cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca (FEP), a Consellería do Medio Rural e do Mar destina 1 millón de euros.
A súa finalidade é contribuír á modernización da frota pesqueira galega mediante o financiamento de investimentos a bordo dos buques que sirvan para mellorar a seguridade a bordo, as condicións de traballo, a hixiene, a calidade dos produtos, o rendemento enerxético e a selectividade.
Outros investimentos obxecto de subvención son a substitución do motor e das artes de pesca por outras máis selectivas, sempre e cando se cumpran os condicionantes específicos que establece a orde. Tamén os investimentos que busquen optimizar a xeración de enerxía en relación a súa demanda, que promovan o aproveitamento da enerxía residual e aquelas que reduzan o consumo de combustible no buque.
Ademais tamén poden optar os investimentos que permitan a conservación a bordo das capturas en que o seu descarte non estea autorizado, os que reduzan o impacto da pesca en especies non comerciais e nos ecosistemas e fondos mariños e os que protexan as capturas e as artes dos depredadores salvaxes, sempre que non aumenten o esforzo pesqueiro nin se prexudique a selectividade das artes de pesca e se adopten todas as medidas adecuadas para evitar que se lles produzan danos físicos aos depredadores.
Os beneficiarios serán os propietarios de buques pesqueiros da 3ª lista do Rexistro de Matrícula de Buques e que teñan cinco anos ou máis. Ademais o buque para o que se solicita o investimento ten que ter o seu porto base en Galicia e atoparse inscrito no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Censo de Frota Pesqueira Operativa. Poderán consultar os requisitos na orde que publica hoxe o DOG.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir de mañá. Deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Tamén se poderán presentar en papel.
http://youtu.be/PL3IjtXtDpM