Alberto Núñez Feijóo salientou que a Estratexia de inclusión social contará cun investimento de máis de 520 millóns de euros e axudará aos emigrantes retornados en situación de especial vulnerabilidade. Entre as novas actuacións, Feijóo destacou que se habilitarán vivendas de titularidade da Xunta como vivendas de carácter asistencial; ou recursos de aloxamento transitorio que permitan o desenvolvemento de programas de acompañamento integral para persoas sen vivenda.
Comentou tamén que as dúas partes máis importantes da Estratexia serán as rendas de inclusión social e programas de fomento de contratación de persoas en risco de exclusión, cunha partida de 400 millóns.
Por outra banda, o presidente galego anunciou que o valor de mercado para inmobles urbanos se rebaixará un 12%, o que suporá un descenso nos impostos de transmisións patrimoniais, sucesións e doazóns. Con este novo desconto, que empezará a aplicarse en 2015, a orde de prezos medios acumula unha rebaixa do 24% nos últimos tres anos. Núñez Feijóo lembrou que “os impostos que pagan os galegos teñen que ir reducíndose a medida que a economía o permita” e recalcou que esa medida conseguirá “incentivar”a compra de vivenda de segunda man.
http://youtu.be/v67FOmRz8gM