O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación, mañá no Consello, da Axenda industrial de Galicia: Galicia-Industria 4.0. Con esta nova iniciativa, Feijóo destacou o compromiso do Goberno galego coa Comunidade e cos galegos, reflectido tamén na aprobación dos Orzamentos de 2015 ou de normas como a Lei de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración e a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. “Esa é a nosa forma de traballar por Galicia, dando explicacións de todo o que se nos pregunta e gobernando”, aseverou.
Nesta mesma liña, e en resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara galega, Feijóo referiuse, tamén, ao compromiso co rural.
No campo das infraestruturas viarias, Feijóo destacou o obxectivo de que o 80% da poboación que vive no rural estea a menos de 15 minutos dunha vía de alta capacidade. E recordou que o Plan de desenvolvemento rural está dando os seus froitos, cun investimento de 25 millóns de euros.
No ámbito tecnolóxico, salientou que o 93% dos núcleos rurais, neste momento, teñen cobertura en internet. E lembrou que o 29% do total dos centros plurilingües están no rural, ao igual que o 51% das rutas de transporte escolar e o 57% dos usuarios dos comedores escolares.
En materia de benestar, remarcou que o 36% das residencias de maiores están, tamén, no rural así como o 52% dos centros de día para maiores.
Logo de resaltar a aprobación da primeira Lei de montes de Galicia, o titular da Xunta incidiu en que a Lei de mellora da estrutura agraria ten como obxectivo cultivar ou ben ceder ou poñer a disposición do banco de terras os terreos que ninguén cultiva.
No eido do financiamento, o presidente da Xunta subliñou que Galicia é a Comunidade autónoma que conta con máis centros de saúde por habitante e avogou por que se considere este feito diferencial, ao igual que o transporte escolar, o avellentamento e a dispersión.
http://youtu.be/sIwANy_44pY