Un total de 34 rapaces do colexio Frións estiveron a visitar hoxe o Centro Cultural Lustres Rivas e a Biblioteca Municipal de Riveira dentro da iniciativa “Coñece o teu contorno próximo” promovida pola Concellería de Educación.
Os rapaces, pertencentes a 4º e 6º de Primaria, puideron coñecer o funcionamento da biblioteca a través dunha pequena explicación ofrecida por un traballador da instalación para, a continuación, contemplar a exposición “Sentimentos”, de María José Rodríguez, que se está a exhibir no Lustres Rivas, onde celebraron unha visita guiada por Alicia Padín, responsable do Servizo de Normalización Lingüística.
Ao tempo que se fixo a visita aproveitáronse as imaxes das paisaxes desta pintora para repasar a xeografía básica da Ría de Arousa, e a forte relación que mantemos con espazos tan distantes como a cidade de Nova York, pola poboación riveirense que alí reside. As distintas técnicas pictóricas representadas na mostra, acuarela, óleo e colaxes, foron o motivo co que se desenvolveu a actividade creativa coa que finalizou a visita, na que os escolares realizaron as súas creacións inspirándose nas obras que acababan de ver.