A Casa da Cultura do Concello de Lousame acollerá este sábado, 16 de decembro, ás 12.00 horas, a Homenaxe ás Persoas Voluntarias de Lousame. A alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, presidirá este acto, xunto co técnico de Xuventude e Voluntariado, José Manuel Outeiral. Serán máis de medio cento as persoas que reciban esta homenaxe coa que se quere recoñecer o seu labor desinteresado a prol da mellora do seu entorno máis inmediato.
A sesión comezará cun breve repaso das distintas actividades que se levan desenvolvido neste eido no Concello de Lousame durante o último ano. Esta exposición correrá a cargo do técnico José Manuel Outeiral. Entre ditas accións atópanse tanto o voluntariado europeo coma os programas específicos de voluntariado social e a agrupación de Protección Civil.
A continuación, ofrecerase unha explicación dos programas de mobilidade europea: Galeuropa e o Servizo de Voluntariado Europeo. Para isto, contará coa experiencia e as testemuñas do técnico especialista en programas de xuventude, Borja Rubio Somoza, e as dúas primeiras voluntarias europeas que acolleu o Concello de Lousame, Anna Uvarova e Lucie Rimasson.
A xornada de homenaxe ás persoas voluntarias de Lousame rematará cun concerto de Xoán Curiel. Esta actividade é de balde e está aberta ao público en xeral, e especialmente a aqueles veciños e veciñas con interese nos programas de voluntariado.