Tal e como anuncia o BOP de hoxe, saen a licitación as obras de reordenación da avenida do Malecón e de pavimentación da zona infantil do parque García Bayón en Riveira: unha actuación cuxo orzamento ascende a case un millón de euros (998.435,01 euros) e o seu prazo de execución (susceptible de ser diminuído nas ofertas) dun máximo de oito meses.
O proxecto técnico elaborado polos servizos municipais ten como obxectivo fundamental reordenar a avenida do Malecón dando preferencia ao peón fronte ao vehículo e conferindo aos vais o carácter urbano que lles corresponden. Prevese ademais a execución dun carril bici que una o existente no paseo do Touro co do paseo de Coroso dando así continuidade ao mesmo ao longo da fachada marítima do casco urbano.
Con este obxectivo, na avenida do Malecón está prevista a demolición da actual terminal de autobuses e o palco de pedra existente, o redeseño da rotonda da terminal de autobuses de xeito que se poida realizar un miradoiro no encontro entre o paseo do Touro e o porto. Por outra parte, manterase un único carril por sentido de circulación en toda a avenida do Malecón e reordenarase o espazo de aparcamento existente no entorno do mercado municipal, situando aparcamentos en batería e unha ampla zona peonil.
Doutro lado, substituirase o deteriorado pavimento da zona de xogos infantís do parque García Bayón por caucho continuo e instalarase un carril bici de entre 2 e 2,5 metros de anchura entre a rotonda da terminal de autobuses e o paseo das Carolinas.
Así mesmo, instalaranse novas liñas de pluviais nos tramos que sexa necesario. En concreto se instalarán 290 metros de tubaxe de PVC SN4, de 315 milímetros de diámetro, 5 acometidas de pluviais, 65 arquetas sumidoiro e 10 pozos de rexistro.O procedemento é aberto con múltiples criterios de valoración e tramitación ordinaria. Os interesados dispoñen de 26 días naturais para presentar as súas ofertas a partir de mañá.
Cómpre lembrar que Portos de Galicia ten previsto realizar tamén outra actuación de envergadura que servirá para remodelar a fachada marítima riveirense, neste caso na zona das Carolinas por valor de medio millón de euros.