Galicia

Unha nova edición de ‘Redecinema’ levará filmes en galego a 16 concellos da rede de dinamización lingüística

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e mais da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)- pon en marcha a segunda edición do programa Redecinema, que -tras difundir por toda Galicia o filme “Vilamor” na súa primeira edición- levará a 16 concellos da Rede de Dinamización Lingüística as (co)producións galegas “Maimiño”, “A praia dos afogados” e “9 ondas” en formato de cinema de verán.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi o encargado de presentar“un programa de dinamización lingüística que desenvolve os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua centrados na promoción da creatividade con base en galego e no aumento da oferta de produtos de cultura e de ocio no idioma propio de Galicia, precisamente nunhas datas en que moita xente goza duns días de vacacións e precisamente en Sanxenxo, un dos centros turísticos estivais máis relevantes da nosa comunidade”.
Abegondo, Boimorto, Boiro, Noia e Vedra na provincia da Coruña; Foz, Mondoñedo e Taboada en Lugo; Celanova, O Carballiño e O Pereiro de Aguiar en Ourense e mais A Cañiza, Marín, Pontecesures, Sanxenxo e Soutomaior en Pontevedra son as 16 localidades da Rede de Dinamización Lingüística onde se celebrarán na segunda quincena de xullo e ao longo de todo agosto as proxeccións ao aire libre dos mencionados filmes galegos. O calendario do programa poderá verse no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/redecinema) e na Axenda de Cultura de Galicia (www.cultura.gal/axenda).

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.