Este domingo 23 de xullo regresa o Campionato de Caza San Huberto na súa novena edición cun total de 39 participantes, segundo se informou hoxe durante a presentación da cita, con intervencións do concelleiro Víctor Reiriz e de Eloy Rodríguez no nome da Sociedade Caza e Pesca Barbanza.
A cita desenvolverase unha vez máis no monte A Curota na zona coñecida como Chans de Folgoso. Os cazadores concentraranse ás 8 horas para partir unha hora máis tarde ao monte no que se disputará a proba. Entre os participantes figuran dúas persoas procedentes de Madrid (a destacar o campión de España Miguel Fornell), un asturiano, dous vascos e dous portugueses, ademais de afeccionados á cinexética das catro provincias galegas.
Como novidade, ademais da modalidades de cans de mostra ingleses e continentais tamén haberá a categoría de cans levantadores. Así mesmo, por primeira vez haberá trofeos diferenciados para homes e mulleres (antes entraban na mesma clasificación) e a persoa que quede campioa clasificará directamente para fase final da vindeira edición, á que concorren os dous primeiros clasificados de cada un dos catro campos do campionato.
A organización quixo agradecer a colaboración da Comunidade de Montes de Oleiros, Concello de Riveira, Federación Provincial de Caza e todas as empresas e entidades patrocinadoras da competición.