Deputación Da Coruña

55 equipos masculinos e 26 femininos disputarán a Copa de Fútbol Deputación da Coruña

Cincuenta e cinco equipos de segunda división B, terceira división, preferente e primeira autonómica da provincia da Coruña disputarán este ano a XXIX edición da Copa de Fútbol Deputación da Coruña. Así mesmo, a segunda edición da Copa de Fútbol Feminino Deputación da Coruña contará con 26 clubes participantes de segunda división nacional e da 1ª e 2ª división da Liga Galega.

O campionato foi presentado esta mañá, na sede da institución provincial, polo deputado responsable da Área de Deportes, José García Liñares, e o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamasar, nun acto no que se sortearon tamén os emparellamentos da competición, que dará comezo o próximo 26 de xullo.

García Liñares destacou que “a Copa Deputación ten o único obxectivo de lograr uns ingresos suplementarios para os equipos da provincia, e por iso levamos varios anos mantendo a contía económica que destinamos aos premios”, que se repartirán en función da categoría e dos logros deportivos que acade cada club ao longo da competición.

Este ano, a Deputación destina un total de 184.700 euros aos premios, 154.800 € para os equipos masculinos e 29.900 € para os clubs femininos. “O noso obxectivo é continuar aumentando o orzamento para que, ao final do presente mandato, os premios do campionato feminino se equiparen ao masculino”, explicou Liñares.

Pola súa banda, Juan Luis Villamasar destacou que o campionato serve coma “arranque da tempada” e expresou o seu agradecemento á Deputación pola “importante axuda económica” que supón para os clubs modestos.

Os partidos da Copa masculina comezarán a disputarse o vindeiro 26 de xullo e rematarán o 15 ou o 16 de agosto, nunha data aínda a confirmar pola Federación, dependendo da dispoñibilidade dos equipos que logren pasar á final. En canto á Copa feminina, disputaranse un total de 31 partidos, que comezarán o 30 de xullo. A data da final será a finais de agosto.

https://www.youtube.com/watch?v=13yGMLzCAYU

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.