O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou esta mañá que o Goberno galego aprobará proximamente o desenvolvemento dos Instrumentos Financeiros Innovadores (IFI), unha nova liña de préstamos para apoiar o emprendemento, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das pemes e as micropemes.
Segundo anunciou o presidente, Os créditos, que están financiados con fondos europeos, contarán cun orzamento de 33 millóns de euros e permitirán mobilizar 60, o que axudará a financiar máis de 100 proxectos relacionados coa industria 4.0. Únense, así, a outras liñas de financiamento empresarial que xa ten en marcha o Goberno autonómico, dentro do Galicia 1000, que financia proxectos estratéxicos en 3000 pemes galegas e xa axudou máis de 5000 empresas nas tres edicións anteriores, grazas a unha mobilización de 800 millóns de euros.
O presidente da Xunta fixo este anuncio no acto de entrega das primeiras unidades dun pedido de 160 ascensores e 16 escaleiras mecánicas que ENOR está a fabricar para catro cruceiros de última xeración do Grupo Meyer, o principal estaleiro alemán. Trátase do maior contrato que conseguiu ata o momento ENOR no sector, que se une aos 800 ascensores deste tipo xa instalados e aos 400 que ten en carteira e consolida á compañía como “unha peza máis desa industria auxiliar que orienta gran parte da súa produción á construción naval”, segundo destacou Alberto Núñez Feijóo.
O presidente da Xunta lembrou que a industria naval non é o único mercado do sector da fabricación de ascensores, para o que continúa a ser fundamental a produción de unidades destinadas a inmobles. En relación a isto, anunciou que o Goberno galego seguirá a apoiar a instalación de novos elevadores e a substitución dos máis antigos, financiando o 60 e o 50% do seu custo, respectivamente. “A Xunta vai seguir mantendo estas axudas, e reforzándoas sempre que sexa posible”, subliñou o titular autonómico, antes de facer un chamamento a todas as administracións para que contribúan.
https://www.youtube.com/watch?v=s1xGyvrjur0