Continuando coa súa política de propiciar a accesibilidade en espazos e edificios públicos, o Concello de Riveira vai emprender unha nova actuación consistente na remodelación da Área de Servizos Económicos do Consistorio Local, situada no andar baixo do edificio fronte á nova Oficina de Atención Cidadá.
Esta actuación, da que xa existe proxecto técnico elaborado polo arquitecto municipal, comporta un investimento de 76.812,73 euros euros e para poder levala a cabo o Concello vén de ver confirmada unha subvención de 40.000 (o 52% do total) concedida por Vicepresidencia.
Proxéctase implantar unha rampla en dous tramos dende o hall de entrada ata o acceso as oficinas para salvar un desnivel de 50 centímetros formado por tres chanzos de escaleira. Isto obrigará a modificar o dobre portal de acceso ao Consistorio para adaptalo tamén á normativa de accesibilidade e seguridade en caso de incendios. Para elo proxéctase instalar unha nova carpintería de aluminio con portas adaptadas á normativa de incendios.
Para mellorar as condicións de illamento térmico das oficinas vaise realizar un trasdosado interior do paramento perimetral da fachada, a base de madeira contrachapada. Ademais, instalaranse novos tabiques de madeira para mellorar o illamento acústico, unha solución máis confortable e duradeira que a tabiquería de aluminio/vidro actual.
Nos últimos meses o Concello está a levar a cabo ou ten en proxecto diversas obras de accesibilidade en edificios públicos. Así, no Conservatorio xa se completou a instalación dun ascensor en tanto que nas aulas formativas que teñen os Servizos Sociais na rúa Cristóbal Colón actuouse nos aseos para facelos utilizables polas persoas con mobilidade reducida.
Por outra parte, tamén está pendente a fabricación dunha rampla de acceso ao edificio no que están situados o Centro Cultural Lustres Rivas e a Biblioteca Municipal.
https://www.youtube.com/watch?v=qK-1btK-S18