O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse coa Unión de Cooperativas Galegas (Espazo Coop), que conta hoxe en día con 190 cooperativas asociadas cunha facturación conxunta de 45 millóns de euros. Na reunión, o presidente da Xunta reiterou o compromiso do Goberno por apoiar o sector a través de axudas e da simplificación de trámites.
O Presidente explicou a aposta de Galicia por fortalecer a economía social a través de fórmulas como o cooperativismo, que contribúen á dinamización da actividade empresarial galega e á creación de emprego. A Xunta ten activadas varias ferramentas para o desenvolvemento do sector. En 2016 aprobouse a Lei de economía social de Galicia, que ten entre os seus obxectivos dotar o sector da relevancia que merece polas súas achegas á sociedade. Ademais, en 2012 creouse a rede Eusumo, unha iniciativa que xa ten 191 entidades adheridas, destinada a fomentar o cooperativismo e a economía social.
Con respecto aos últimos datos, en 2017 a Xunta destinou 5,4 millóns de euros para reforzar os apoios ao emprendemento colectivo a través do programa Aprol Economía Social. Os recursos de 2017 representan un incremento do 44% en relación co destinado en 2013. A maiores, destinamos un millón de euros para a formación de ocupados, dirixida a traballadores de entidades de economía social; e tamén fixemos unha achega orzamentaria de 5 millóns de euros adicionais desde o fondo Xesgalicia para o financiamento de proxectos vinculados á economía social.
Ademais, abordarase unha reforma en profundidade do rexistro de cooperativas para simplificar e facilitar a súa constitución e todos os trámites rexistrais posteriores, a través de medios telemáticos. Simplificaranse tamén os trámites para a cualificación dunha sociedade laboral, unha empresa de inserción ou un centro especial de emprego, a través da modificación da normativa correspondente.
Dentro da liña para favorecer e flexibilizar as trabas administrativas, a nova Lei de implantación empresarial incluirá a posibilidade de se poidan constituír cooperativas a partir de só dous socios. Así, será posible o rexistro de microcooperativas para facer da fórmula asociativa unha vía máis á hora de crear unha empresa, estimulando deste xeito o emprendemento e o tecido empresarial galego.
Galicia conta no primeiro semestre deste ano con 1318 cooperativas activas, o que supón un 3,2% máis que no mesmo período do pasado ano. De feito, o cooperativismo non parou de medrar na nosa Comunidade, con preto de 300 cooperativas máis que hai unha década.