Feijóo subliña que a aposta pola calidade e a internacionalización é clave para o futuro do sector vitivinícola

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que a aposta pola calidade e a internacionalización é clave para o futuro do sector vitivinícola. Díxoo na Cata de viños e augardentes de Galicia que se celebrou hoxe en Cambados, que este ano é Capital Europea do Viño.

No certame, que este ano incorpora novas categorías, participan 318 viños, 158 adegas e 5 denominacións de orixe.
O titular do Goberno galego referiuse á calidade dos viños e licores galegos e engadiu que actualmente en Galicia existen 30 denominacións de orixe e indicacións xeográficas no eido agroalimentario. A comunidade dispón tamén de varias institucións dedicadas a velar pola calidade: a Evega de Leiro, a Estación experimental de viticultura e enoloxía de Ribadumia e a futura Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Ao fío disto, advertiu do perigo que supón mercar viños e licores sen etiquetar. “Cando alguén merca unha botella sen etiqueta está a mercar un descoñecido”, recordou Feijóo.

En canto á internacionalización, Feijóo destacou que o sector vitivinícola é “o noso sector agroindustrial máis exportador” e indicou que na campaña 2015-2016 o sector incrementou as súas exportacións un 69%. Resaltou especialmente o potencial do mercado chinés e recordou o interese que amosou o xigante agroalimentario Shanghai Fisheries, que vén de visitar Galicia, por abrir canles estables de exportación. O presidente da Xunta concluíu subliñando que a Xunta investiu 7,1 millóns de euros entre 2012 e 2016 para a promoción dos viños galegos.

https://www.youtube.com/watch?v=BnzlbK2csi0

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.