O Consello da Xunta aprobou o inicio da contratación das novas concesións de transporte público con plenas garantías para a continuidade do emprego e para o futuro das pequenas e medianas empresas do sector.
O inicio desta tramitación administrativa permitirá garantir a continuidade dos servizos de autobús e do emprego a partir do vindeiro mes de agosto, momento en que se materializarán as renuncias das empresas ás concesións públicas de transporte de pasaxeiros.
Os representantes do Goberno galego confirmaron ante os sindicatos que os novos contratos de transporte incluirán a cláusula de subrogación que garante que todos os traballadores dunha liña de transporte poderán manter o emprego coa adxudicación do servizo a unha nova empresa.
Esa blindaxe do emprego reforzarase con garantías para a viabilidade das concesións asociadas ás obrigas de subrogación dos traballadores, mentres que o incumprimento destas figurará como unha causa específica de resolución dos contratos.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda apuntou que esta cláusula de subrogación que se incluirá nos contratos constitúe unha referencia a nivel nacional, posto que é a primeira vez que unha licitación pública fixa con tal grao de concreción a obriga de subrogación dos traballadores por parte das empresas adxudicatarias.
Xunto con isto, o Goberno galego propúxolle ás centrais sindicais abordar conxuntamente un incremento dun 25% do orzamento previsto nos contratos para os condutores, asociado a un aumento da carga de traballo e o reforzo dos servizos de transporte da que se beneficiará eminentemente a poboación do rural.
https://www.youtube.com/watch?v=BPFMC_dkMQs