Axentes da Xefatura da Policía Autonómica de Santiago de Compostela, en colaboración cos axentes forestais do distrito de Barbanza, informaron hoxe do esclarecemento de dous incendios forestais nos concellos de Noia e Padrón.
No primeiro caso, procederon á imputación dun home como presunto autor dun lume ocorrido o pasado 23 de xuño na parroquia de Argalo (Noia). O incendio afectou unha superficie aproximada dunhas 0,25 hectáreas de monte raso e orixinouse, supostamente, por unha neglixencia nunha queima non comunicada, na que non se observaron todas as medidas de seguridade necesarias. Foi necesaria a intervención do Servizo de extinción de incendios da Xunta de Galicia. Os feitos foron trasladados ao Xulgado de primeira instancia e instrución en funcións de garda de Noia.
No segundo caso, procedeuse á imputación dunha muller como responsable dun lume ocorrido na parroquia de Santa María de Cruces (Padrón) e que afectou unhas 0,04 hectáreas de monte raso. A súa orixe foi, supostamente, a realización dunha cacharela na noite de San Xoán que se avivou ao día seguinte. Tamén neste caso foi necesaria a intervención do Servizo de extinción de incendios da Xunta. Deuse conta dos feitos ao Xulgado de instrución de garda de Padrón.
Na actual campaña anti-incendios forestais do 2017, un total de 52 persoas foron detidas/investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.