Deputación Da Coruña

A Deputación da Coruña renovará a cuberta e o alumeado do polideportivo de Santa Baia, en Boiro

A Deputación da Coruña e o Concello de Boiro investirán 63.018 euros nas obras de renovación da cuberta e instalación dun novo sistema de alumeado no polideportivo de Santa Baia da localidade boirense. A institución provincial achegará preto do 80% do orzamento dos traballos (50.000 €), mentres que o 20% restante (13.018 €) financiarase con fondos municipais.
Así se recolle no convenio de colaboración entre ambas institucións que vén de ser aprobado na comisión de Plans e Cooperación cos concellos e que será sometido á aprobación definitiva da corporación provincial no pleno ordinario do venres, 30 de xuño.
O polideportivo de Santa Baia, construido nos anos 90, é unha instalación deportiva que ten un uso intensivo, especialmente para a práctica do baloncesto, xa que alí adestran e disputan campionatos equipos locais de diferentes categorías. Nos últimos anos, a Deputación xa financiou, a través do Plan de Acción Social (PAS), a mellora da pista desta instalación deportiva.
As obras que se aproban agora preteden solventar os problemas de condensación e filtración de auga que afectan ao inmoble, coa instalación dunha nova cuberta de “panel sándwich” composto de chapa lacada de cor tella e un sistema de illamento térmico a base de espuma de poliuretano.
Ademáis do cambio da cuberta, instalaranse catro aireadores estáticos que contribuirán a mellorar a ventilación interior do polideportivo.
O alumeado interior da pista, actualmente moi deficiente, será tamén completamente renovado grazas a este proxecto.
O proxecto contempla a substitución do actual sistema de alumeado, que se instalou durante a construción do edificio, por un novo sistema de 15 focos LED de 200w de alta capacidade lumínica, especialmente deseñados para espazos deportivos cubertos.

https://www.youtube.com/watch?v=ISnid6lof24

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.