Medio ambiente ofrece 19.000 prazas para coñecer o patrimonio natural e ambiental das illas do parque nacional

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio brinda a preto de 19.000 persoas (18.743) a oportunidade de coñecer o patrimonio natural e ambiental das illas do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia.

Trátase da actividade estival Descubrindo o Parque Nacional, que ofrece case 1.400 excursións ás illas Cíes e Ons, e que nesta edición tamén ofrece a posibilidade de coñecer Cortegada e Sálvora. O obxectivo deste programa é animar aos cidadáns de todas as idades a coñecer os valores destes enclaves naturais, completando e enriquecendo así a actividade de praia ou de sendeirismo que fan os visitantes durante o verán.
A primeira das visitas guiadas, de balde, que se celebrará é en Sálvora o día 4 de xullo ás 10:30, na que 12 persoas poderán coñecer a ruta histórica-xeolóxica sobre o que as rochas revelan das xentes e da natureza. Nos arquipélagos de Ons e Cíes desenvolveranse todos os días de verán, ata o 15 de setembro; e no caso de Cortegada, os martes ou venres de xullo e agosto -en función da marea-.

Unha das novidades que se atende nesta edición -a proposta dos visitantes- é que en Cíes e Ons bríndase a posibilidade de reservar praza na central de reservas para días seleccionados da semana. Estas excursións fanse con grupos reducidos coa fin de poder ofrecer a máxima calidade de visita a este espazo protexido e están recomendadas para un público maior de 12 anos.

As actividades guiadas son de balde, pero os participantes deberán asumir o custe do transporte ata a Illa. No caso de Cíes e Ons, poderán acceder a través da liña regular que as distintas navieiras autorizadas ofrecen dende distintos portos, ou ben achegarse en embarcación privada autorizada. Para o caso de Sálvora e Cortegada, onde por razóns de conservación non hai transporte regular diario, o Parque organiza o transporte, aínda que o custe do billete o asumirá o participante.

As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades deberán reservar a súa praza a través da web (www.reservasparquesnacionales.es) .Cada persoa poderá reservar para unha soa ruta por illa.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.