Galicia e Shanghai estreitan lazos institucionais e exploran oportunidades de investimento a través do holding empresarial Shanghai Industrial Investment

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, finalizou hoxe a súa viaxe a China estreitando lazos institucionais con Shanghai e explorando oportunidades de investimento a través do holding empresarial Shanghai Industrial Investment.

Á primeira hora da tarde, Feijóo reuniuse co vicealcalde da municipalidade de Shanghai, Xu Kunlin, con quen abordou a situación de diferentes sectores económicos, destacando principalmente o sector turístico. Non en van, Shanghai é a segunda cidade máis importante de China e a primeira cidade máis importante do país desde o punto de vista financeiro e económico.
Ambos os dous mandatarios avaliaron o atractivo que ten Europa para o pobo chinés, máis concretamente España, e sobre a posibilidade de dar a coñecer Galicia en Shanghai, unha cidade que acolle 100 millóns de turistas.
Shanghai é un mercado no que os produtos galegos poden ter moito espazo xa que a demanda de alimentos gourmet está crecendo a gran velocidade. Así mesmo, nela viven máis de 24 millóns de persoas e o seu poder adquisitivo está crecendo de forma paralela ao seu interese por coñecer outros países. E, no ámbito industrial, non se pode esquecer que nesta cidade se atopan importantes conglomerados empresariais.
Durante a visita ás instalacións dun dos maiores grupos empresariais do país, Shanghai Industrial Investiment, Feijóo analizou co seu presidente, Wang Wei, os distintos sectores de mercado onde esta compañía ten intereses, entre os que destacan o eido de tratamento de residuos, saneamento e abastecemento de augas, o sector da enerxía ou a agroindustria. “Tivemos ocasión, en definitiva, de establecer contactos entre este holding e as distintas opcións de investimento en Galicia”, abundou.
Nesta liña, o presidente da Xunta lembrou que con esta reunión o Goberno galego dá continuidade á visita que o pasado mes de outubro realizou Wang Wei a Galicia. “Hoxe, devolvemos a visita e acordamos seguir traballando para establecer relacións económicas e de investimentos de futuro”.
Feijóo salientou que na actualidade este holding agrupa 850 empresas, conta con 50.000 traballadores e é un dos grandes fondos de investimento chinés.

https://www.youtube.com/watch?v=jbKIU1wMzc4

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.