O grupo Shanghai Fisheries confirma a Feijóo o seu interese por abrir canles estables de exportación de produtos agroalimentarios galegos ao mercado chinés

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou que Shanghai Fisheries General Corporation Group confirmou o seu interese por abrir canles estables de exportación de produtos galegos de calidade ao mercado chinés, especialmente no sector agroalimentario.

Os directivos desta multinacional, encabezados polo seu presidente Pu Shao Hua, foron recibidos por Feijóo no que é o primeiro dunha serie de encontros con grandes multinacionais chinesas trala viaxe do presidente a China.
En especial, o grupo chinés, cunha facturación anual de máis de 900 millóns de euros e presenza en 40 países, ten interese por explorar as posibilidades que ofrecen o noso sector lácteo e o vitivinícola. A calidade da produción destes sectores ten potencial para abrirlles as portas dos mercados internacionais.
Shanghai Fisheries confirmou tamén o seu interese por seguir mellorando a conserveira viguesa Albo, da que este grupo é propietario. Traballarase en dúas liñas: reforzando a vocación internacional das súas conservas e optimizando os procesos mediante a innovación, aplicando as técnicas da Industria 4.0, na liña das prioridades definidas pola Xunta.
Despois de Shanghai Fisheries, outras empresas chinesas de referencia a nivel internacional visitarán Galicia.
Estas visitas son froito da viaxe institucional ao país asiático que realizou o mes pasado unha delegación galega encabezada por Feijóo. A expedición tiña o obxectivo de dar a coñecer a calidade e o saber facer das empresas galegas. Asistiron unha trintena delas, entre firmas do sector alimentario, clústers e organismos sectoriais como Clusaga, Anfaco ou Conxemar.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.